Lugo: Ediciones Celta
22 de 24

Lugo: Ediciones Celta

Espazo Literario Rúa San Marcos, Lugo

Ediciones Celta nace a partir dunha imprenta e libraría de Francisco Esteban González. Abrira na rúa San Pedro, logo ubícase na rúa Bispo Aguirre (1949) e despois na rúa de San Marcos. Editou a numerosos autores galegos como Castelao, Pimentel,  Dora Vázquez, Varela Buxán, Neira Vilas, Pimentel, María Mariño, Cortezón, Alonso Montero, Manuel María, López Casanova, Paco Martín, Rábade Paredes, Vázquez Pintor, Rodríguez Barrio e Mª Victoria Carballo-Calero. En Lugo tamén imprimían libros Palacios, Bao, Gerardo Castro, La Voz de la Verdad ou Alvarellos.

Precisamente será en Lugo que as Ediciones Celta editen Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, o discurso de ingreso de Carvalho Calero na Real Academia Galega lido o día 17 de maio de 1958, seguido da resposta de Ramón Otero Pedrayo. Achegamos un breve extracto deste discurso como homenaxe aos editores de Lugo.

“Señores académicos:

Dous sentimentos, desmasiado fondos os dous pra non embargar o meu ánimo con emoción punxente, son donos de min no presente intre. Por unha banda, sinto como unha ocasión solemne na miña escura vida iste momento en que, beneficiándome da vosa ilimitada benevolencia, entro a formar parte dunha corporación ilustre, que fai meio século encetaba, baixo a presidencia de Murguía, a súa patriótica tarefa. ¿Qué galego consciente poderá afrontar sen relixioso fervor o trance do seu ingreso nista casa, habitada por tantas inesquecibres lembranzas, santificada por tantas sombras ilustres? Rapaciño ben novo, viña eu co meu pai dende o meu Ferrol nadal, a convalidar no Instituto Da Guarda os meus estudos de bacharelato. Murguía vivía daquela os derradeiros anos da súa ancianidade groriosa. O meu pai fíxome reparar na figura do patriarca nunha rúa cruñesa. Ben lonxe estaba o cativo de dez anos que eu era, de maxinar que no transcurso do tempo, tiña o home que agora son, de vir a ocupar un posto nas fías que aquil grande home presidíu, incorporando así as miñas minguadas forzas ao pulo de aquela poderosa vontade.

Por outra banda, contúrbame o sentimento da humildade dos meus merecimentos perante a distinción que se me outorga. Unha teimosa adicación ao culto dos valores espritoás da nosa terra, é indicio de boa vontade, pero non

rexistro de tiduos suficientes pra ostentar con dignidade o carácter que me conferides. Houbera querido renunciar humildemente ao honor que non solicitéi. Mais a humildade ten lindes máis alá das cales pode semellar ostentación. Que tamén hai vaidade na humildade que se fai desmasiado notoria. Teño, pois, renunciado, por humildade, a ser humilde. E renunciando humildemente a me sinificar na humildade, entro, humildemente obediente a quenes eiquí me trouxeron, a participar nos vosos traballos, cun profondo sentimento de gratitude pra os que me honraron cos seus votos; pero ben certo de que non son eu, senón o amor a Galicia que vive en min, o que conqueríu os vosos sufraxios”.

 

Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, Discurso de ingreso na Real Academia Galega lido o día 17 de maio de 1958, seguido da resposta de Ramón Otero Pedrayo (Lugo: Celta), 1959. Pode lerse en Sobre lingua e literatura galega (Galaxia: Vigo), 1971.