Lugo: Estación do tren
Espazo biográfico Praza Conde de Fontao, LugoO 26 de xuño de 1936 Lugo e a súa familia despiden a Ricardo na estación do
tren. Cando se plebiscite o estatuto, dous días despois, Ricardo estará en
Madrid. A súa primeira filla, Margarita, nacerá o 17 de xullo daquel ano.
Carvalho viaxa a Madrid para facerse profesor pero a guerra truncará todos os
seus plans. O 22 de maio de 1941, despois de abandonar o cárcere de Jaén, Lugo
é a cidade que recibe a Ricardo. O lugar no que abraza por vez primeira á súa
cativa. No medio desas datas unha experiencia moi traumática, a da guerra e a
do cárcere. Entre as poucas pegadas desa experiencia na súa obra rescatamos un emblemático
poema de Saltério de Fingoi.
VIAGE
Era unha vila cabo dun rio.
Non direi o seu nome, inda que o lembro,
pois non é o nome de nengunha vila.
O rio ia en acougo, entre secretos ameneiros,
pola terra loira, cha e eucarística.
Había unha longa avinda, de ambíguos álamos;
e estendia-se a vila, longa,
como unha moza enxoita.
Os avións voaban sobre a igreja.
E a gente era tranquila, de consuetudinária formosura.
E às portas das casas, o tempo nos joellos,
as mulleres cosian os dias da sua vida.
Uniformes cor de argila, estrelas na manga.
Poucos. Mandaba-os eu. Levaba-os a algures.
Etapa da viage, acolleu-nos a vila.
Ao ar ceibe, sentados, nun café,
fumábamos a tarde.
Qué formosa era a vila, e o rio, e as gentes.
Quén pudese ficar.
Os meus homes soñaban con ser mozos
das mozas enxoitas e castas,
para sempre.
E falaren coas vellas ao saíren da igreja,
con pazán parolar.
E saíren de caza, en procura do paspallás ligeiro,
con discretos fidalgos.
Mais ao dia seguinte tiñamos que partir.
En Saltério de Fingoi, na versión
de Pretérito imperfeito (Sada:
Ediciós do Castro), 1980.