Lugo: Círculo das Artes
21 de 24

Lugo: Círculo das Artes

Espazo biográfico

Na etapa luguesa, Ricardo faise doutor en Filoloxía e ingresa na Real Academia Galega. Publica daquela Sete poetas galegos (1955), a tese Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (1955), a monumental Historia da literatura galega contemporánea (1963), o libriño Eduardo Pondal (1965), Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea (1966) e a Gramática elemental del gallego común (1966), da que se fixeron novas edicións en 1968, 1970, 1974, 1975, 1976 e 1979.

Ricardo está presente na vida cultura e social de Lugo e colabora co Círculo das Artes, por exemplo en 1963 na exposición “Cen anos de literatura galega”. Tamén co traballo “O galego na Universidade” no volume O porvir da lingua galega editado polo Círculo das Artes de Lugo no que escriben Alonso Montero, Valentín Arias, Bernardino Graña, Basilio Losada, Paz Andrade, Martínez Risco, Ferrín ou Epifanio Ramos. Era presidente do Círculo Ramón Varela Méndez. En O porvir da lingua galega Ricardo afirma:

“De vello ven a arela de implantar o estudo do galego na nosa Universidade. A fundación dunha cadeira que satisfixese tal desexo, foi aspiración formulada reiteradamente no mesmo seo daquel Centro docente. A creación da Sección de Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras compostelá, fixo lóxicamente inevitabre a inclusión no plan de estudos dos relativos á nosa fala. O plan aprobado consagra esta derradeira solución: un curso de Lingua e Literatura Galega adscrito ao derradeiro ano da carreira. O 13 de outubro de 1965 un profesor encarregado de curso espricóu a primeira leición da nova asignatura.

Nesta situación, produxéronse dous feitos de orde lexislativo que deberían ter a súa repercusión na organización universitaria: a creación de Departamentos e a configuración dunha nova categoría profesoral, a do Agregado, que sustituía ao Catedrático como docente de entrada na superior categoría.

O profesor que dende 1965 tiña ao seu cárrego os dous cursos de galego mencionados con data de 17 de xaneiro de 1966 espresóu o seu parecer, segundo o cal sería o mais aconsellabre a organización dun Departamento de Lingua e Literatura Galega (ou Filoloxía Galega), que constara das discipriñas seguintes: Lingua Galega (moderna), Literatura Galega (moderna), Historia da Lingua Galega (ou Gramática Histórica Galega) e Literatura Galega Arcaica.

Ha considerarse positiva a reforma (fala do previsto para o curso 1970-1971) en canto supón tres cursos de estudos de filoloxía galega, que permitirán unha razonabre preparación do alumnado na materia, mentras que o único curso esistente para Filoloxía Románica no plan antigo, só posibilita unha competencia de tipo moi superficial. En troques, ao desaparecer o carácter obrigatorio dos estudos, cabe que alumnos de Filoloxía Moderna e Románica da Universidade Galega rematen a súa licenciatura sen seguir curso algún especial de filoloxía galega. Un retroceso supón tamén a eliminación da filoloxía galega no plan da sección de Historia.

A esistencia de tres discipriñas de filoloxía galega (...) esixe a todas luces a constitución dun Departamento especial de Lingua e Literatura Galega, que dispoña dos medios persoás e materiás indispensabres para realizar o indicado labor.

“O galego na Universidade”, en O porvir da lingua galega, 39-46 (Lugo: Círculo de las Artes), 1968.