ESCOLAS DA ALIANZA ARESANA DE INSTRUCCIÓN
Edificio singular Rúa María, 11, 15624 Ares, A CoruñaAno de inauguración: 1909
Promotor: Alianza Aresana de Instrucción da Habana (1904)
Uso: Funcionou como centro de ensino primario durante boa parte do século XX. En 2004, o concello rematou a súa rehabilitación e pasou a ser o centro sociocultural da vila.
Características arquitectónicas:
Edificio dunha soa planta en forma de U, cunha parte central e dous brazos que se proxectan cara a diante, onde estarían situadas as aulas. Na fachada posterior, hai outro prisma anexo que ocupa parte do paramento e que consta dunha escaleira de acceso e xera un pequeno soportal que acolle as dúas portas de entrada.
Está construído en cantaría, sobre un baseamento de altura variable que funciona como soto, e precisa de escalinatas de acceso en cada entrada, elementos que cobran gran presenza compositiva no alzado principal.
Caracterízase pola súa rica decoración, que lle proporciona uniformidade ao edificio malia que este foi realizado en varias fases durante case vinte anos. Destaca a variedade estilística dos numerosos vans de todas as fachadas que lle dan luminosidade no interior: vans de lintel apuntado con ménsulas de inspiración vexetal alternados con vans de medio punto rebaixados e coa clave e doelas destacadas; todos contan cuns peitorís e remarques resaltados. O edificio está pintado en dúas cores, para subliñar aínda máis toda esta decoración.
Pechando o conxunto arquitectónico hai un muro de pedra e unha reixa metálica con motivos de inspiración vexetal, intercalados con pequenas pilastras con decoración xeométrica e orgánica; algúns destes motivos son de inspiración masónica. Destacan pola súa monumentalidade dúas grandes pilastras no acceso principal, con numerosos motivos decorativos.
Fonte: web "As escolas da emigración" do Consello da Cultura Galega. Para coñecer máis datos: Escolas Alianza Aresana. Escolas da emigración