CASAS IRMÁS RAMOS BUGALLO
2 de 6

CASAS IRMÁS RAMOS BUGALLO

Edificio singular Rúa Real, n. 64/66, Ares (comarca de Ferrol - A Coruña)

Ano de construciónFinais dos anos 20 do século XX.

PromotorArturo Fuentes Rodríguez e Emilio Fernández López, casados coas irmás Josefa e Sara Ramos Bugallo. Emigrantes en Cuba.

Características arquitectónicas:

Tras o retorno dos dous matrimonios á súa terra natal, deciden construír dúas vivendas na antiga casa familiar, situada nunha das principais rúas da vila de Ares. Ambas vivendas, separadas por unha medianeira, ocupan todo o fondo do rueiro. As fachadas teñen un esquema compositivo moi similar que lles proporciona unidade. Destacan as grandes galerías de estilo modernista con vidros de cores e molduras decorativas, obra do recoñecido carpinteiro aresán Ángel García. Tamén hai que salientar as cornixas e os ornamentos de forxa de clara inspiración modernista con deseños xeométricos e elementos vexetais.

As fachadas principais están moito máis ornamentadas que as posteriores, aínda que seguen un mesmo esquema compositivo. Na primeira casa destaca unha fermosa bufarda a pano coa fachada e, na segunda, dúas galerías en torno a un balcón central e outra bufarda que rompe a liña da cornixa.

Fonte: ANATOL SEOANE, Bernardo; ARDÁ SUÁREZ, A. Carlos (dir.) (2000): Indianos. Arquitectura da emigración na península de Bezoucos: Ares, Cabanas, Fene e Mugardos. Fene, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Fotografía: Anxo Fernández

Foto cedida polo Concello de Ares