Calvario da Graña
1 de 4

Calvario da Graña

Cruceiro

Atópase na parroquia do Buriz (Guitiriz), a escasa distancia do templo parroquial, en cuxo adro podemos ver un pequeno cruceiro que destaca pola súa orixinal ornamentación.


Probable obra do século XVIII, trátase dun conxunto de tres cruceiros, dos que sobresae o central, caracterizado pola súa grande altura. Levántase sobre unha plataforma, de planta cuadrangular, de tres chanzos de granito, sobre os que descansa unha base monolítica e con forma de prisma rectangular. O seu varal, moi estilizado e moi alongado, foi realizado dunha soa peza, o que constitúe todo un alarde da pericia do seu artífice. Remata nun singular capitel de forma cúbica, coas caras ornamentadas con diversos motivos, pero que, por causa da erosión, non resulta doado identificar. Coroa este cruceiro unha cruz coas imaxes de Cristo e da Virxe.


Polo que respecta aos cruceiros laterais, actualmente presentan a particularidade de ser completamente distintos porque foron reconstruídos.

Completa este conxunto un inacabado viacrucis de cronoloxía relativamente recente.