Calvario de Santa Cruz de Parga
2 de 4

Calvario de Santa Cruz de Parga

Cruceiro

Tamén no concello de Guitiriz, na parroquia de Santa Cruz de Parga, está este singular calvario, situado a escasa distancia da igrexa, orixinalmente románica, pero moi reformada no século XVIII. Este conxunto monumental, coetáneo á reforma da igrexa, está formado por tres cruceiros: o central e os dous laterais. Unha das particularidades deste calvario é a orientación de todas as súas cruces, pois non están cara á fronte, como sería o normal, senón que están aliñadas en dirección á igrexa, singularidade que coidamos que é única nos calvarios galegos, polo menos nos que coñecemos.


O cruceiro central, o máis destacado, ten un fuste de sección circular que está ornamentado con acanaladuras que serven para acentuar a súa verticalidade. Remata nun artístico capitel, de tipo corintio, decorado con dúas fiadas de follas de acanto, volutas nos vértices superiores das arestas e querubíns nas caras. Está coroado por unha cruz de sección circular e aparencia leñosa, que amosa, no seu anverso, unha imaxe de Cristo e, no reverso, unha da Dolorosa, vestida cun manto con amplos voos mato, coas mans cruzadas sobre o corazón. Trátase de dúas tallas ben realizadas e que nos poñen en contacto cun bo artista que domina o seu oficio e que sabe traballar a pedra.


Temos que dicir que este cruceiro central sufriu as consecuencias do furacán Hortensia, alá polo ano 1984, cando a caída dunha árbore esnaquizou a cruz e as imaxes. A súa restauración non se produciu ata case vinte e cinco anos despois, grazas á iniciativa dos veciños desta parroquia, que custearon os gastos a través da Comunidade de Montes, e foi realizada pola empresa “Quijada Canteiros”, de Begonte, de acordo cun proxecto da restauradora Blanca Besteiro.