Mosteiro de Sobrado dos Monxes
1 de 7

Mosteiro de Sobrado dos Monxes

Mosteiro

O mosteiro de Sobrado dos Monxes aínda que de orixe altomedieval pasou á historia do monacato galego por ser a primeira fundación da orde do Cister no noso territorio. Nunha data tan temperá como o ano 1142, instaláronse nas dependencias do antigo cenobio do século X, unha comunidade de monxes chegada directamente de Clairvaux, a abadía francesa fundada polo propio San Bernardo en 1115. 

Aínda que indirecta e de difícil constatación, resulta moi suxerinte a relación da, soldadeira María Pérez “a Balteira”, famosa xograresa da corte de Afonso X co mosteiro ó que tería feito unha importante doazón no ano 1257. A cambio os monxes comprometíanse, tras a súa morte, a levar o corpo ó mosteiro e darlle alí cumprido doo. Non sabemos se este compromiso se cumpriu pero o certo é que no nome desta soldadeira galega, á que varios trobadores da época, entre eles o propio Afonso X lle dedicaron cantigas de escarnio, quedou ligado dunha forma un tanto lendaria á historia do mosteiro. 

Pouco resta das dependencias medievais do edificio xa que a maioría foron renovadas en época moderna. Sen embargo, son boa mostra da calidade que deberon de ter a magnífica sala capitular e a cociña que datan do século XIII. A igrexa é un dos mellores expoñentes da arquitectura barroca galega. A súa fachada firmada orgullosamente polo arquitecto Pedro de Monteagudo, destaca pola verticalidade que lle proporcionan os elementos arquitectónicos do eixo central así como as dúas airosas torres laterais rematadas en 1679. 


Imaxes: P.Lameiro / tm / Wikipedia