Igrexa de Santo Antoniño de Toques
2 de 7

Igrexa de Santo Antoniño de Toques

Igrexa, Mosteiro

Santo Antoniño de Toques foi a igrexa dun antigo mosteiro que a finais do século XI é reformado introducíndose nel a regra de San Bieito. Por aquel entón debeuse de iniciar tamén a reforma o reconstrución da antiga igrexa altomedieval da que aínda nos quedan pegadas no aparello dos muros, elementos decorativos ou a propia planta do templo para convertela nun edificio máis acorde coa estética do novo estilo románico que penetraba entón en Galicia.  A reforma foi levada a cabo probablemente por un obradoiro de canteiros itinerantes formados na tradición lombarda do románico de Cataluña e Aragón. Isto converte a Santo Antoniño de Toques nun bo exemplo dun momento temperá na asimilación do estilo románico en Galicia en relación coa paralela introdución da denominada Reforma Gregoriana no seo da igrexa galaica.  

No interior do templo consérvase un dos mellores exemplos de escultura románica en madeira do románico galego, un Calvario que se sitúa no muro norte da nave e que foi recentemente restaurado. O conxunto, formado polas figuras de Cristo crucificado, a Virxe e san Xoan, é de extraordinaria calidade e foi posto en relación cos obradoiros ingleses de finais do século XII.  



Fotos: Jim Anzalone / José Antonio Gil Martínez / Wikipedia