Convento de Santa Clara
3 de 7

Convento de Santa Clara

Mosteiro

A fundación do convento de Santa Clara, co que se introducía en Compostela a orde feminina dos franciscanos data dos anos setenta do século XIII. A tradición, transmitida pola propia comunidade de clarisas, relaciona a fundación do convento coa raíña Dona Violante, esposa de Afonso X quen, nese momento tería doado ás monxas unha imaxe da Virxe para a igrexa conventual. A lenda, que non ten ningún apoio documental, resulta de grande interese xa que supuxo a conservación da chamada “Virxe das chaves” que se presentaba como testemuña material desta mítica fundación de orixe rexia. 

Trátase, de feito, dunha imaxe mariana datada no século XIII en función da súa relación iconográfica e estilística con modelos casteláns e navarros e que é unha boa testemuña da expansión do culto á virxe durante esta centuria. A pesar dos aditamentos e repintes que sufriu a peza aínda se recoñece un tipo de virxe de tradición románica, sedente, frontal e hierática. Indicios da nova estética gótica son o feito de que o neno se sente sobre o xeonllo da súa nai, e non no regazo, así como a discreta naturalidade dos rostros de ambos. 

Consérvase no coro baixo da igrexa actual, de estilo barroco á que hoxe chegamos tras atravesar a espectacular fachada do convento, unha das obras máis senlleiras do chamado barroco de placas galego. É un bo exemplo de fachada telón realizada cara 1719 polo afamado arquitecto Simón Rodríguez. 

Fotos: Iagocasabiell / Wikipedia e Santiago Turismo