Convento de San Paio de Antealtares
4 de 7

Convento de San Paio de Antealtares

Mosteiro

O mosteiro de Antealtares é o máis antigo de Compostela xa que a súa fundación, no século IX está intimamente ligada ó descubrimento dos restos de Santiago, orixe da cidade.

Das dependencias medievais do antigo mosteiro só chegaron ata nos algúns restos, xa que todo o edificio foi reconstruído en época moderna. No seu interior podemos visitar hoxe o seu Museo de Arte Sacro ó que se accede a través da igrexa.

Na súa colección de escultura destaca unha imaxe de Cristo crucificado, de considerables dimensións, que debeu de pertencer ó enxoval litúrxico da igrexa monacal medieval. Datado no segundo terzo do século XIII, conserva aínda moitos estilemas románicos como a acusada frontalidade, o feito de estar fixado á cruz con catro cravos, o pano de pureza longo que chega ata os xeonllos ou o cabelo longo que deixa ver dous guechos caendo sobre os ombreiros. Ó mesmo tempo, presenta tamén características que nos falan da penetración da estética gótica como o feito de ser un Cristo sufrinte, idea que se transmite a través dos ollos pechados ou o énfase posto nas chagas do costado e das extremidades.  

Fotos: Fotos: JCNazza / Wikipedia / Santiago Turismo