Igrexa de Santa María Salomé
5 de 7

Igrexa de Santa María Salomé

Igrexa

A mediados do século XII iniciase en Compostela un proceso de urbanización do espazo intramuros co fin de acoller dun xeito ordenado a crecente poboación da cidade. Trázase entón a Rúa Nova que aínda hoxe conserva ese nome a pesar de ter máis de oitocentos anos. As vivendas e os seus habitantes organizáronse entorno a unha nova parroquia para a que foi necesario edificar unha igrexa que, non por casualidade, foi posta baixo o patrocinio de Santa María Salomé, nai de Santiago o Maior. 

Da igrexa románica, conservase, aínda que con modificacións, a portada principal. Nela foi instalada, no século XIV unha imaxe pétrea da Virxe sedente ofrecendo o seu peito ó neno Xesús mentres ambos son adorados por dous anxos que se dispoñen ós lados. A inserción desta imaxe na portada da igrexa non debe estrañarnos xa que, tal e como reza a inscrición do dintel, o templo estaba dedicado tamén á Virxe María.  Ademais, dende o século XIII asistimos a unha importante difusión do culto mariano con variantes iconográficas como a virxe do leite que ten unha das súas máis antigas representacións figuradas precisamente nas Cantigas de Santa María de Alfonso X. 

Fotos: Paco Vila Barros / CCG