Museo das Peregrinacións e de Santiago
7 de 7

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Museo

O Museo das peregrinacións e de Santiago creouse en 1951 instalándose na chamada Casa Gótica da rúa de San Miguel dos Agros que foi restaurada e adaptada para a función museística. Dende o ano 2015, a colección trasladouse á súa sede actual na Praza das Praterías no que fora o edificio do Banco de España.

Na exposición permanente, que xira en torno ás peregrinacións e a evolución da cidade de Santiago, atopamos na segunda planta unha sala dedicada á construción da catedral de Santiago que se ilustra con pezas orixinais, moitas delas atopadas durante as escavacións arqueolóxicas e obras de restauración levadas a cabo no templo durante o século XX.

Se continuamos a visita atopamos a sala na que se da conta da evolución da cidade de Compostela. Nela, na parte dedicada ós acibecheiros exponse unha excepcional peza atopada durante as escavacións realizadas no número vinte e nove da rúa onde, precisamente, se concentraban dende o século XII os obradoiros deste gremio. Trátase dunha cruz de dobre traveseiro, ou cruz patriarcal, realizada en acibeche tallado e pulido. A súa única decoración son uns listeis incisos que unen os círculos centrais e dos extremos como se o artesán quixese, con esta sinxela solución, imitar o acabado das pezas de ourivería nieladas e esmaltadas. 


Fotos: Paco Vila Barros e Museo das Peregrinacións.