Cruceiro do Oito (Cabanas)
CruceiroNunha encrucillada da estrada de Ferrol a Pontedeume,
que leva ao lugar do Oito en Cabanas, atópase un vello e fermoso cruceiro
levantado de orixe na antiga ponte sobre o río Eume. Trátase dun senlleiro
exemplar de finais do século XVI, colocado, coma moitas obras da súa época, co
obxecto de sacralizar unha ponte e que desde o comezo do século XX sufriu
varios traslados ata a colocación no lugar actual.
O cruceiro, tras varios anos en estado de abandono, foi
finalmente cambiado de lugar. Unha maciza cruz cuadrangular cos seus extremos
traballados en roseta de oito pétalos amosa dúas imaxes apegadas ao madeiro,
moi desgastadas polo tempo. O Cristo da cara frontal é unha labra de boa
feitura con brazos longos e horizontais, moi apegado á cruz e co pano de pureza
atado á dereita. A Virxe Gloriosa do reverso é de canon clásico, coroada nunha
hierática actitude orante e colocada sobre unha peaña de cabeza de anxiño.