Cruceiro do Alto de Campolongo (Pontedeume)
CruceiroNo Alto de
Campolongo, ao final do antigo Camiño Vello, atópase unha das cruces de pedra
máis antigas da comarca do Eume. O
cruceiro de Campolongo é unha obra rechamante e de gran solidez, coas súas
vellas pedras luídas polo paso do tempo e dotada dunhas formas orixinais
e detalles pouco correntes na comarca. Trátase dun cruceiro tradicional erixido
como guía e sinal do camiño nunha típica localización de encrucillada, aínda
que hoxe está colocado nun lugar pouco axeitado e mal protexido.
Catro
desgastados banzos de bos perpiaños soportan un groso varal octogonal
adelgazado en altura, iniciado cun dobre toro e escocia. Carece de capitel,
quizais perdido nun traslado, levando unha ampla cruz grega con paus
cuadrangulares e imaxes de estilo primitivo. O Cristo é de canon curto, formas
expresivas e longa melena coroada de espiñas, baixo un amplo pergameo de INRI, pano
co nó á esquerda e os pés apoiados na parte baixa da cruz, mentres que a Virxe
da Piedade é de composición ampla, formas xeométricas e marcada presentación
frontal, co Fillo colocado nunha postura forzada horizontal.