Mosteiro de Carboeiro (Silleda)
MosteiroA historia de San Lourenzo de Carboeiro é un bo reflexo da evolución do monacato en Galicia durante a Idade Media. A súa orixe remóntase a un eremitorio que se situaba neste mesmo enclave, apartado dos núcleos de poboación e en relación directa co medio natural, nunha pequena península formada nun meandro do río Deza. No século X converteuse nun cenobio cunha pequena pero activa comunidade que gozou dende entón da protección real. O seu máximo esplendor nos ámbitos relixioso, económico e artístico tivo lugar entre os séculos XII e XIII, cando se converteu nunha abadía beneditina dentro da órbita do señorío da sé compostelá. Foi entón cando se emprendeu a construción dunha nova e ambiciosa igrexa monástica que substituíse á anterior, altomedieval, e que fose máis acorde non só coa nova liturxia gregoriana, senón tamén coa crecente comunidade de monxes.
A desamortización do ano 1835 supuxo o abandono do mosteiro. A igrexa e as dependencias monacais sufriron o espolio e a ruína nas súas fábricas, que tiveron que esperar á segunda metade do século XX para ver recuperado parte do seu esplendor primitivo. A pesar disto, a igrexa é un dos mellores expoñentes da arte románica en Galicia. Unha inscrición conservada no interior do templo infórmanos da súa fundación no ano 1171. O pouco terreo dispoñible no outeiro onde se sitúa a igrexa condicionou as dimensións desta. O seu corpo de naves é, de feito, moi curto e a cabeceira, con deambulatorio e capelas radiais, tivo que ser levantada sobre un impresionante baseamento que se solucionou cunha cripta subterránea. No exterior non podemos deixar de admirar as súas portadas occidental e meridional, onde está moi presente o estilo do obradoiro do Mestre Mateo da catedral de Santiago.
Fotos: Alma / Freecat / Wikipedia