Mosteiro de San Pedro de Ansemil (Silleda)
Igrexa, MosteiroTodo apunta a que o primitivo mosteiro de Ansemil fora mandado construír polo bispo de Santiago Sisnando I (877-920), no ano 919, aínda que o primeiro documento histórico que o cita corresponde ao ano 972. O único que resta do mosteiro é a igrexa, hoxe convertida en parroquial. O primitivo templo altomedieval foi reformado no século XII en estilo románico pero conserva aínda a súa planta orixinal e, no interior, a espacialidade segmentada de volumes xustapostos de reducidas dimensións e os grandes arcos que separan as naves.
No seu lado sur engadiuse no século XIV a capela funeraria da familia nobiliaria dos Deza. Na súa fachada occidental chama a nosa atención a imaxe da Virxe do Leite, esculpida en pedra e situada sobre a portada do mesmo xeito que as imaxes compostelás de Santa María Salomé e a recentemente atopada no río Sar e conservada agora no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ao igual que nestes casos, non resulta posible ver a faciana do Neno, que ten a cabeza xirada cara ao peito da Nai do que se atopa mamando. Isto débese, máis que á incapacidade técnica do artista, á vontade de dar un maior protagonismo á Nai como axente nutricio da Eclessia e, polo tanto, de todos os crentes nun momento da Idade Media no que o culto á Virxe alcanza un gran desenvolvemento.
Fotos: Lansbricae/Alma/Wikipedia