Mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón (Dozón)
Igrexa, MosteiroA igrexa de San Pedro de Vilanova atópase no lugar aínda hoxe chamado O Mosteiro, sen dúbida un topónimo que fai referencia á antiga comunidade de monxas beneditinas que o habitaron dende o ano 1154, data en que se testemuña documentalmente a fundación e dotación do mosteiro. O apoio real á comunidade foi habitual durante os séculos XII e XIII e converteuse nunha institución de certa relevancia, tutelada, dende o punto de vista espiritual, polo mosteiro cisterciense de Oseira.
Do conxunto monacal só chegou ata nós a igrexa, nun excelente estado de conservación e que responde a unha tipoloxía románica moi estendida no rural galego: nave única cuberta con armadura de madeira e unha única ábsida semicircular na cabeceira. Na súa arquitectura e, sobre todo, nas coidadas solucións decorativas está moi presente a pegada do obradoiro da igrexa de Oseira, o que non nos debe estrañar dada a relación da comunidade de Vilanova de Dozón co mosteiro cisterciense, que puido ter mandado un continxente de canteiros para a construción da nova igrexa de San Pedro.
Chama a atención a representación, nos tímpanos das portadas meridional e setentrional, de senllas cruces en relevo cunha evidente función sacralizadora do espazo eclesial. O concreto das representacións, particularmente no caso do tímpano setentrional, que reproduce unha cruz de tipo bizantino cos brazos rematados en círculos, fai pensar en que se estivese plasmando en pedra unha representación dunha peza de ourivaría real, presente no tesouro do mosteiro e anunciada así na portada aos fieis que entrasen ao templo.