Mosteiro de Santa María de Armenteira (Meis)
MosteiroO primeiro testemuño da existencia dun mosteiro en Armenteira data do ano 1151, cando aínda se rexía pola regra beneditina. Do mesmo xeito que outros mosteiros galegos, incorporouse entón á puxante Orde do Císter, feito que, para o caso de Armenteira, se debeu producir cara a 1167 e sendo o abade Ero, personaxe xa mítico no lugar por ser protagonista dun curioso milagre documentado por primeira vez no século XVI e moi famoso dende entón. Ero, interesado en como sería o Paraíso, teríalle pregado á Virxe María para que lle permitise velo. Entón, paseando polas fragas próximas ao mosteiro, quedou cativado polo piar dun paxaro durante douscentos anos. A historia foi recollida por Afonso X como un dos milagres marianos das Cantigas de Santa María, concretamente na CIII, “Quena Virgen ben servirá a Parayso irá”; iso si, dun xeito xenérico xa que non se nomea nin o mosteiro de Armenteira nin o nome do monxe axente do milagre.
A igrexa de Santa María é a única parte do mosteiro medieval que se conserva. Iniciada en 1167, responde a un tipo de planta moi típica no románico, con tres naves, tres ábsidas e cruceiro con cimborrio, producindo no exterior unha modulada gradación de volumes. Non obstante, no seu interior apréciase o rigor, a austeridade e a simplicidade propias do espírito cisterciense coa eliminación da decoración superflua e baseando a súa arquitectura nun racionalismo funcional moi propio das obras da orde.
Fotos: Mosteiro de Armenteira / Dimetiamin /Wikipedia