Castelo de Soutomaior (Soutomaior)
6 de 6

Castelo de Soutomaior (Soutomaior)

Castelo

Neste castelo céntrase a orixe e desenvolvemento dunha das familias nobiliarias máis importantes da Galicia medieval, os Soutomaior. Aínda que noticias lendarias fan remontar o castelo a datas anteriores á conquista musulmá da Península Ibérica, o certo é que a súa fundación pode relacionarse co señor de Souto Maior Paio Méndez Sorrede e, polo tanto, situarse nos anos centrais do século XII. 

Dese momento pode datar, aínda que moi modificada, a torre da homenaxe, que funcionaría como torre vixía nun lugar estratéxico na cima do monte Viso, e controlando a unión entre os ríos Oitavén e Verdugo e o territorio que se abría aos seus pés. Durante as loitas irmandiñas do século XV, o entón señor do castelo, o famoso Pedro Madruga (1430-1486), reconstruíuno e dotouno de murallas xa adaptadas para o uso de armas de fogo. 

O aspecto actual da fortificación débese, non obstante, ás intervencións restauradoras levadas a cabo polos herdeiros do castelo dende 1869. Seguindo a tendencia historicista de espírito romántico moi propia do século XIX, o vello castelo foi convertido nun palacio de estilo neogótico, reconstruíronse as antigas dependencias e incluso se engadiron rechamantes elementos novos como a denominada Galería das Damas, unha balconada de arquerías góticas dende a que se divisan os xardíns de estilo francés, tamén creados nese momento.