Mosteiro de San Clodio (Leiro)
2 de 8

Mosteiro de San Clodio (Leiro)

Mosteiro

A orixe do mosteiro de San Clodio afonda as súas raíces na lenda que fai remontar a súa fundación a uns monxes dun mosteiro de León do que terían fuxido, avisados por San Vicencio, ante a inminente razzia de Almanzor do ano 982. Trátase, porén, do típico mosteiro dúplice familiar do século X fundado, iso si nese mesmo ano 982, por Álvaro e Sabita que terían edificado un edificio para este fin na entón denominada Villa Emeterii, xunto o río Avia. 

No ano 1158 está documentado un profundo cambio na comunidade que non sería outro que a introdución da regra de san Bieito coa que san Clodio se unía ó imparable proceso de benedectinización dos vellos cenobios altomedievais galegos que se viña levando a cabo dende finais do século XI. A súa incorporación ao Císter, foi moi tardía, a mediados do século XV e, ao contrario que outros mosteiros galegos que atravesaban entón un momento de decadencia, en San Clodio é nese momento cando chega ó seu momento de maior esplendor.

A igrexa é a única testemuña que chegou ata nós do mosteiro medieval xa que todas as dependencias anexas foron totalmente reconstruídas trala incorporación da comunidade á Congregación de Castela en 1536. Debeu de iniciarse nas últimas décadas do século XII, a xulgar polos seus trazos tipolóxicos e estilísticos, e finalizarse entre 1230 e 1250. É unha igrexa de planta basilical con tres naves, unha tipoloxía moi estendida en Galicia sobre todo entre as pequenas comunidades monásticas pola súa escasa complicación técnica e a súa alta practicidade. Chegou ata nós nun excelente estado de conservación sobre todo debido ás obras de restauración que se fixeron no conxunto monacal dende finais do século XX e que permitiron, por exemplo, o descubrimento dun excepcional conxunto de pinturas murais do século XVI na ábsida central que son hoxe un dos principais atractivos do templo.