Catedral de Ourense (Ourense)
CatedralA catedral de Ourense foi proxectada na segunda metade do século XII seguindo un plan ambicioso e de gran envergadura que a convertería, despois de Santiago de Compostela na segunda fábrica catedralicia máis importante de Galicia. Tiña planta de cruz latina cun gran cruceiro e tres naves no corpo principal. Se ben orixinalmente non dispuña de xirola —a actual é de época moderna— a súa fronte oriental tiña que ser verdadeiramente impresionante con cinco grandes ábsidas de tamaño decrecente dispostas en batería.
No ano 1188 foi consagrado xa o seu
altar maior aínda que as obras avanzaron
con lentitude cara occidente levantándose o famoso Pórtico do Paraíso na
fachada principal ben entrado o século XIII. No interior da basílica
exemplifica moi ben o momento artístico no que se levanta o templo no que o
proxecto románico imprégnase con un goticismo crecente que se expresa
magnificamente na cubrición das naves con bóvedas oxivais.
No terreo situado entre a nave e o
cruceiro sur iniciouse no século XIII a construción dun claustro, dende entón
denominado claustra nova, que por
desgraza nunca se chegou a rematar. Nese espazo situase dende o ano 1954 o
museo catedralicio que dispón dunha riquísima colección de escultura e obxectos
litúrxicos procedentes tanto da propia catedral como doutros puntos da diocese.
Entre o máis destacado da colección atópase o chamado Tesouro de San Rosendo
que procede do mosteiro fundado por el no século X e Celanova. Sen embargo, só
as pezas dun xadrez fatimí de cristal de roca e un anel con unha cornalina
romana engastada puideron pertencer ó santo. O resto das pezas —mitra báculo,
ara portátil, cáliz e peites litúrxicos— foron realizadas no século XII nun
momento en que o mosteiro se consolida como centro de peregrinación. As reliquias
de San Rosendo víronse enriquecidas así con este rico enxoval.
Destaca tamén o museo da catedral de Ourense pola súa excepcional colección de esmaltes de Limoges. Ás máis de cincuenta pezas que formaron parte do frontal do altar maior da catedral engadíronse no ano 1998 unha serie de arquetas relicario atopadas durante unhas obras no presbiterio. Son tamén obras de importación, que demostran a fluída relación da sede auriense cos grandes centros de produción artística franceses durante os séculos XII e XIII.
Fotos: P. Lameiro / Freecat / Wikipedia