Convento de San Francisco – Escolma de escultura (Ourense)
MuseoNa parte alta da cidade de Ourense, na
ladeira do Montealegre conservase boa parte do antigo convento de franciscanos
da cidade fundado no século XIV. Trala desamortización do século XIX o edificio
converteuse en cuartel e a mediados do século XX a igrexa foi desmontada,
trasladada e reconstruída no centro da cidade quedando porén in situ o magnífico claustro conventual
gótico. Xunto a este, na antiga capela da Terceira orde Franciscana, podemos
visitar tamén a exposición Escolma de Escultura, formada con fondos do Museo
Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Entre as pezas expostas chama a nosa
atención unha imaxe da Virxe entronizada de finais do século XII tallada en
madeira policromada e procedente de Ponferrada. Aínda que perdeu a figura do
Neno e parte dos seus brazos resulta doado imaxinar o seu aspecto orixinal seguindo
a modelo bizantino das theotokos, imaxes
frontais e hieráticas nas que a Nai funciona como o trono onde se senta Cristo.
A cabeza da Virxe, dunhas proporcións maiores ás do corpo, como soe ser
habitual neste tipo de representacións, está cuberta cunha toca. O corpo vístese
cunha túnica e un manto solucionados con un modelado moi sumario que non forma
case pregues nos panos.
Outra peza destacada en un capitel
procedente da igrexa de Santo Tomé de Maside no que representaron tres grifos.
Estes animais híbridos formados por un corpo de león e cabeza e ás de aguia,
son un tema moi habitual dos repertorios figurativos románicos onde seguindo as
moralizacións escritas nos bestiarios medievais podían ter unha significación
positiva, en relación coa protección, ou ben negativa dado que segundo as
descricións, dende época antiga, eran de natureza agresiva e feroz.
De entre as pezas de ourivería medieval
hai que destacar unha serie de cristos realizados en cobre dourado e esmaltado
seguindo a técnica dos obradoiros de Limoges. Datados na segunda metade do
século XIII en función do seu estilo, puideron estar destinados ben a estar
fixos sobre unha cruz de altar ou procesional ou ben sobre unha tapa dun
evanxeliario, que frecuentemente ían gornecidas con este tipo de
representacións figuradas para embelecer a súa presenza durante os actos
litúrxicos.