Igrexa de Santiago de Gustei (Coles)
3 de 8

Igrexa de Santiago de Gustei (Coles)

Igrexa

A igrexa de Santiago de Gustei e un bo exemplo dun momento do románico en Galicia, durante o século XIII, no que comeza a observarse xa a penetración, aínda que timidamente, de fórmulas do novo espírito gótico. Construída seguindo unha tipoloxía moi habitual nas igrexas de entorno rural —unha única nave cuberta con armadura de madeira e unha ábsida rectangular abovedada na cabeceira— chegou ate nos nun excelente estado de conservación mantendo incluso a espadana orixinal para as campás na súa fachada occidental.

No seu interior, conserva, hoxe situado no nicho central do retablo do altar, a antiga imaxe titular da igrexa. Trátase dun Santiago, labrado en pedra policromada, sedente en posición frontal que coa man dereita sostén un báculo e coa dereita un libro aberto que apoia sobre o xeonllo. É unha das “replicas” que a partires do século XIII se realizaron en Galicia seguindo os modelos mateanos do Santiago do parteluz do Pórtico da Gloria e o do altar maior da Catedral compostelá. Neste caso, aínda que segue fiel á iconografía de Santiago como apóstolo, poténciase ante os fieis a súa imaxe como peregrino ó converter o báculo en forma de tau que portan as imaxes compostelás, por un bastón de peregrino guarnecido, ademais, cunha vieira no seu remate. O estilo da figura, moi compacta, co rostro alongado e a melena e a barba resoltos con esquemáticas mechas que remite ás figuras de xamba do Pórtico de Paraíso da Catedral de Ourense, institución á que, por certo, pertencía a igrexa dende 1157. A súa realización, xa que logo, poderíase datar con comodidade a mediados do século XIII.

 

Fotos: Gavilanes67/ Gil Martínez