Igrexa de San Salvador de Vilanova dos Infantes (Celanova)
IgrexaA igrexa barroca de Vilanova dos
Infantes conserva no seu interior un dos máximos expoñentes da escultura
románica en madeira de Galicia: Un cristo crucificado que debeu de pertencer ó
antigo mosteiro feminino de Santa María fundado por Ilduara, nai de San Rosendo
(907-977).
É unha imaxe que responde ao tipo iconográfico de Christus triunphans. É dicir, un Cristo vivo, sen faccións de sufrimento e disposto diante da cruz e non pendendo dela. A figura cóbrese unicamente con un perizonium que lle ofrece ó escultor a posibilidade de enfrontarse ó tema do espido. Sen embargo, ben a pouca pericia deste, ou máis ben o desexo de despersonalizar a divindade a través dunha utilización modal do estilo, deron como resultado unha anatomía estilizada, ríxida e antinaturalista que se somete ao marco cruciforme do soporte. O artista unicamente puxo un pouco de énfase na cabeza de Cristo que se caracteriza por unha forma alongada pero con unha gran proxección volumétrica, arcos superciliares moi marcados, potente nariz e un longo pescozo de sección tubular. Todo isto remite a obras realizadas polos talleres mateanos da Catedral de Santiago e os seus seguidores na área ourensá como o Cristo que preside o frontispicio da Porta das Platerías, o xacente de Fernando II no panteón compostelá ou algún dos apóstolos do arco dereito do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. Por todo isto habería que situar a realización desta excepcional obra nos anos trinta do século XIII.