Castelo de Monterrei (Monterrei)
8 de 8

Castelo de Monterrei (Monterrei)

Castelo

Do conxunto defensivo de Monterrei, que se levanta sobre un alto dominando o curso do rio Támega e a fronteira con Portugal, temos a primeira noticia documental no século X cando o castelo e a vila pertencía a Gutier Menéndez, pai de San Rosendo de Celanova (907-977). A importancia estratéxica do enclave fixo que fora reconstruído por Alfonso Henriques (1109-1185), primeiro rei de Portugal.

Pouco chegou ata nós, sen embargo, deste primitivo recinto xa que foi moi transformado ó longo dos séculos para convertelo no impresionante complexo defensivo- pacego que podemos contemplar hoxe en día. De finais do século XIII debe de datar a chamada Torre das Damas, posiblemente a antiga torre da homenaxe, e a capela do castelo, a igrexa de Santa María de Gracia. Nesta última as fortes pervivencias románicas combínanse con elementos plenamente góticos como a bóveda de oxivas que cobre a súa ábsida.

Protexido polo recinto amurallado exterior atopamos o edificio do antigo hospital de peregrinos, unha casa de dúas plantas que non se diferenciaría do resto se non fose pola súa magnífica portada gótica. Conserva unha inscrición baixo a cornixa que data a súa construción patrocinada polo abade Vasco Pérez no ano 1391. A súa decoración escultórica que se estende case a tódolos recunchos da portada aínda que con un estilo un tanto arcaizante, é moi complexa e demostra unha coidada composición. No tímpano, como viña sendo habitual dende época románica, atópase un Cristo Pantocrátor rodeado dos evanxelistas. A ambos lados, o programa complétase coas imaxes da Virxe e o anxo Gabriel que forman unha Anunciación.  


Fotos: Alpedrete / Gil Martínez / Wikipedia