Mosteiro de Oseira (Cea)
1 de 7

Mosteiro de Oseira (Cea)

Mosteiro

Ao contrario que outros mosteiros galegos que basean a súa fundación en vagos datos documentais e lendas case míticas, no caso de Oseira dispoñemos de datos concretos que permiten situar o seu nacemento como casa beneditina no ano 1137. Daquela, catro monxes, na busca dun lugar axeitado para o retiro e a oración, instálanse no lugar de Oseira e fundan unha comunidade que recibirá o referendo real da man de Afonso VII (1126-1157) nese mesmo ano. Tras esta etapa como casa beneditina, a comunidade pasará á observancia cisterciense dende polo menos o ano 1179; iníciase entón para o mosteiro unha fase de crecemento imparable que se prolongará ata ben entrado o século XIII. Expoñente deste esplendor relixioso e material é o feito de que en 1223 o abade Lourenzo deixou o seu posto para converterse, nin máis nin menos, que en abade da casa nai do Císter en Claraval (Francia).

Coincidindo con esta etapa de maior expansión económica do mosteiro, levántase a magnífica igrexa abacial de Santa María, un dos proxectos máis ambiciosos da arte románica en Galicia. No seu interior aínda se pode respirar o espírito da chamada arquitectura cisterciense coa austeridade, rigor e practicidade que impregnaban frecuentemente as construcións da orde. A súa cabeceira, inspirada no complexo modelo de deambulatorio con capelas radiais da catedral compostelá, está presidida por unha imaxe pétrea da Virxe do Leite realizada cara a 1325-1350 para o altar maior da igrexa. A elección desta iconografía mariana no mosteiro de Oseira non debeu ser allea á difusión do milagre da lactación de San Bernardo, fundador dos cistercienses. De feito, a popularización da lactatio Bernardi tivo como consecuencia a realización de imaxes coma esta, de grandes dimensións, para presidir as igrexas abaciais cistercienses que, pola súa vez, serviron como modelo para outras pezas que hoxe atopamos en igrexas parroquiais e capelas. A través do acto da lactación ao Neno, a Virxe presentábase así, aos ollos dos monxes situados no coro e dos fieis en xeral, como o modelo de alimento espiritual para a Igrexa.