Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos)
3 de 7

Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos)

Mosteiro

En plena Ribeira Sacra atopamos o enclave de San Pedro de Rocas, un dos mosteiros galegos máis antigos documentados. De feito, a súa orixe hai que entendela no contexto do monacato altomedieval, no que abundaban os pequenos grupos de anacoretas que facían vida en común en eremitorios moitas veces rupestres e, en todos os casos, afastados dos núcleos de poboación. No século X, a comunidade sería restaurada polo cabaleiro Gemondo e o couto do mosteiro confirmado polo rei Afonso V no ano 1007. A época de maior esplendor produciuse entre os séculos XII e XIII. É daquela cando a antiga cova en que habitaran os eremitas de Rocas durante séculos é reformada para adaptala aos novos usos litúrxicos da comunidade beneditina que entón habitaba a casa. Mentres que noutros mosteiros da Ribeira Sacra onde os eremitorios que deran orixe á comunidade foron abandonados ou destruídos para construír unha igrexa románica de nova feitura, en Rocas chegouse a unha solución de compromiso. Ben sexa por motivos económicos ou ben polo interese en conservar o venerado lugar sagrado onde nacera a comunidade, o que se fixo foi tentar converter a cova nunha igrexa que se parecese o máis posible ás novas construcións do Románico pleno. Así, escaváronse tres ábsidas na rocha, que se correspondían cada unha cunha nave. Mesmo se abriron tres portadas, unha por cada nave, na “fachada” da igrexa, inserindo arquivoltas e xambas decoradas nos ocos abertos na propia rocha.

Hoxe en día, tras o abandono que sufriu o lugar durante décadas, San Pedro de Rocas é, porén, un dos puntos máis visitados da Ribeira Sacra ourensá. De feito, nas dependencias da antiga casa prioral, de finais do século XVII, podemos visitar agora o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra, un modo ideal de achegarnos á realidade da importancia que alcanzou o monacato neste territorio.