Mosteiro de Santa María (Xunqueira de Espadañedo)
4 de 7

Mosteiro de Santa María (Xunqueira de Espadañedo)

Mosteiro

Aínda que non temos ningún tipo de apoio documental, é moi probable que o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo nacese en época altomedieval, do mesmo xeito que outros cenobios veciños da Rivoyra Sacrata, a partir dun antigo eremitorio. A primeira mención documental dunha comunidade seguindo a regra de san Bieito é do ano 1174 aínda que a finais de século ou nos primeiros anos do XIII pasou á orde do Císter; cambiou entón a antiga advocación a san Xulián pola de santa María, moito máis axeitada á relixiosidade bernarda. A estas vagas referencias históricas engadiuse nos últimos anos unha mención epigráfica descuberta no tímpano da porta sur da igrexa na que se di que no ano 1230 “fundouse esta casa na honra da santa Nai de Deus”. O texto, de claro carácter conmemorativo, aludiría á finalización das obras da igrexa e probablemente á súa consagración nese mesmo ano por parte do bispo de Ourense don Lourenzo (1218-1248).

Tras un período de decadencia durante o século XIV, común a todo o monacato galego baixomedieval, unha nova era de esplendor chegou a Xunqueira entre os séculos XVII e XVIII, que se materializou nunha renovación total do edificio monacal e no amoblamento da igrexa medieval cuns criterios máis acordes coa relixiosidade e o gusto modernos.

A igrexa, de tres naves e tres ábsidas na cabeceira, exemplifica moi ben o estadio da arte románica galega nunha época de transición como a que supoñen as décadas anteriores e posteriores ao ano 1200, nas que continúa a inercia da linguaxe do Románico pleno pero nas que xa comezan a entrar con forza formas arquitectónicas e decorativas que delatan a presenza da nova arte gótica. De feito, os datos documentais e epigráficos comentados coinciden con este período artístico xa que o edificio debeu de comezarse nos anos noventa do século XII, cando a casa pasou á observancia cisterciense, e debía de estar acabado para a data de 1230, que nos dá a aludida epígrafe que podemos ver aínda hoxe no claustro.