Mosteiro de Santa María (Montederramo)
5 de 7

Mosteiro de Santa María (Montederramo)

Mosteiro

O territorio que hoxe en día coñecemos como Ribeira Sacra está intimamente ligado á historia do mosteiro de Montederramo. De feito, o termo Rovoyra Sacrata aparece por primeira vez nun suposto privilexio fundacional outorgado por dona Tareixa, filla do rei Afonso VI, e datado en agosto de 1124. O documento, que hoxe sabemos que é unha falsificación, foi transcrito no ano 1608 na coñecida Coronica General de la Orden de san Benito de Valladolid, escrita polo padre Yepes. Non sabemos se intencionadamente ou por erro, o beneditino transcribiu o nome do lugar no que se fundara o mosteiro como Rivoyra Sacrata, que, traducido como Ribeira Sacra, foi usado e popularizado ata chegar a denominar un extenso territorio das concas dos ríos Miño e Sil onde, efectivamente, había ribeiras e unha insólita cantidade de antigos mosteiros.

O certo é que no século XII existía en Montederramo un mosteiro beneditino baixo a advocación de san Xoán, que nos anos sesenta se convertera xa á observancia cisterciense, dedicando entón tamén a súa igrexa á Virxe María, como era habitual nas casas desta orde. Das edificacións medievais do mosteiro quedan escasos restos xa que a súa incorporación en 1518 á Congregación de Castela propiciou a remodelación total da construción. Aínda así, a igrexa actual, trazada por Juan de Tolosa en 1598 e continuada a partir de 1609 por Simón de Monasterio, segue a planta da antiga románica, da que, de feito, só se derribaron as partes imprescindibles, englobando a estrutura vella na nova nunha sorte de hibridación arquitectónica non exenta de interese.