Mosteiro de San Salvador de Sobrado (A Pobra de Trives)
6 de 7

Mosteiro de San Salvador de Sobrado (A Pobra de Trives)

Mosteiro

San Salvador de Sobrado debeu de nacer, coma tantas outras pequenas comunidades en Galicia, no século X como un mosteiro familiar dúplice. Durante o século XII converteuse en feminino e beneditino, aínda que esta reforma non supuxo nin a perda de relación cos herdeiros da familia fundadora nin unha certa duplicidade do mosteiro xa que con ela convivía unha pequena comunidade de clérigos que atendían o culto na igrexa abacial e nas parroquias veciñas. A comezos do século XVI desapareceu a comunidade e quedou convertida a igrexa nunha simple parroquia rural.

A pesar das reformas que sufriu a igrexa abacial debido, sobre todo, a problemas estruturais, trátase dun dos mellores exemplos da arquitectura románica da zona oriental da provincia de Ourense. Pertence á sinxela tipoloxía de igrexa de nave e ábsida únicas, aínda que na súa versión máis elaborada, xa que dispuña dunha bóveda de medio canón con arcos faixóns na nave —hoxe desaparecida— que apeaba sobre uns muros laterais articulados con contrafortes e fiestras que aínda podemos observar na parte sur.

No exterior, pero sobre todo no interior, non podemos deixar de admirar a calidade da escultura monumental tanto da portada occidental como dos capiteis da nave e da ábsida, que ademais conservan abundantes restos de policromía. Foi realizada polo denominado “Mestre de Pantón”, un escultor coñecedor da arte compostelá e que traballa tamén en Santa María de Ferreira de Pantón (Lugo) entre 1160 e 1170. Á vista desta relación artística, corroborada ademais pola irmandade demostrada documentalmente entre ambas as comunidades, podemos datar a construción de San Salvador de Sobrado nas décadas finais do século XII.