Mosteiro de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas)
7 de 7

Mosteiro de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas)

Mosteiro

Entre os viñedos e os prados do val da Abeleda atopamos hoxe as ruínas do mosteiro de San Paio, aínda agardando que unha intervención restauradora profunda as saque do seu abandono e garanta a súa conservación. A discreta historia da institución debeuse de iniciar en época altomedieval como o típico mosteiro familiar e así seguía sendo en 1127, cando Afonso VII lles outorgou a carta de couto aos entón patróns do mosteiro, Sancho e García González. A súa comunidade debeu de ser sempre moi pequena, ata que no século XIV quedou reducida ao párroco, que, iso si, posuía o título de abade.

A igrexa edificouse seguindo unha tipoloxía de nave única e ábsida cuadrangular moi estendida entre as parroquiais rurais e pequenos mosteiros coma este. No seu interior, particularmente na decoración arquitectónica e escultórica, percíbense os ecos da arte compostelá, que terá un grande impacto nos obradoiros locais de Galicia durante a segunda metade do século XII. Nos capiteis do arco diafragma que separa os dous tramos en que está dividida da nave atopamos, como vixiándonos dende o alto, uns monstros híbridos de fortes chantóns, corpos deformados e faccións grotescas que se poden poñer en relación co estilo dos escultores que traballan no transepto da catedral de Santiago nas primeiras décadas do século XII.

Tanto estes capiteis como boa parte do resto da igrexa conservan no seu interior abundantes restos de policromía que, aínda que se corresponden con repintaduras modernas, nos serven para facernos unha idea do acabado e da cor que terían estes edificios medievais orixinalmente e que hoxe, na maioría dos casos, temos perdidos irremediablemente.