Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín)
2 de 7

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín)

Mosteiro

Santo Estevo de Ribas de Sil foi, sen dúbida, o mosteiro máis importante e poderoso da Ribeira Sacra durante séculos. Posuíu un extenso dominio entre as terras do Limia e de Lemos, que xeraban importantes rendas que permitiron a construción do enorme complexo monástico que, hoxe convertido en Parador Nacional, podemos contemplar na beira do río Sil.

As súas orixes, un tanto lendarias, relacionáronse con nove bispos santos que no século X se retirarían a Santo Estevo e foron logo enterrados no claustro do mosteiro. Reformado xa baixo a regra beneditina, alcanzará o seu máximo apoxeo durante os séculos XII e XIII. A data de 1183, gravada nunha das columnas do primeiro tramo da nave da igrexa, sitúa cronoloxicamente o inicio da construción, que foi levada a cabo por un obradoiro en relación directa co que daquela estaba a construír a catedral de Ourense.

No interior da igrexa consérvase, ademais, un dos poucos exemplos de mobiliario litúrxico románico de Galicia. Trátase dun retablo pétreo coa representación de Cristo e os apóstolos que debeu de ser realizado cara a 1200 para presidir o altar maior da igrexa abacial. Resulta moi interesante xa que é unha reprodución en pedra —moito máis económica polo tanto— dos modelos máis suntuosos e ricos realizados en prata dourada e con esmaltes que posuían grandes centros como a catedral de Santiago.