Cruceiro do Home Santo
1 de 6

Cruceiro do Home Santo

Cruceiro Porta do Camiño - Praza do 8 de Marzo

Actualmente é o máis antigo da cidade. Mudou de localización varias veces, a máis importante na primeira metade do século XIX, cando se desmontou co gallo de facer unhas escaleiras e as pezas permaneceron abandonadas ata que un crego levou a parte superior para a parroquia de Sabugueira, daquela do concello da Enfesta e dende 1962 do de Compostela. Cando se fixo o aeroporto da Lavacolla houbo que cambialo de novo e, por último, a mediados da década dos anos sesenta trasladouse para a localización actual na Porta do Camiño.


Segundo parece, ao principio estaba onde agora se atopa a capela da Nosa Señora da Angustia, pero en 1465 o mosteiro de San Pedro de Fóra cedeulle o terreo en foro ao pintor Cristovo Francés e á súa muller coa condición de construír a devandita capela e o cemiterio, constando na escritura que no sitio había un “moxón de pedra con unha cruz” que mandara poñer o “Home Santo Predicador”.


Este descubrimento botou por terra a lenda de que se labrou en 1330 en lembranza do líder Xoán Tuorum, condenado a morte por enfrontarse ao arcebispo, do que se conta que, cando o levaban para a forca, ao pasar por diante da porta de Bonaval pregoulle á Virxe que o axudase e, de súpeto, caeu morto, feito que se considerou milagre; por este motivo levantouse o monumento. Como Xoán Tuorum non foi predicador, o máis seguro é que se construíse por consello do dominico valenciano san Vicente Ferrer, que peregrinou a Compostela polo ano 1412.


É o cruceiro da cidade que posúe o conxunto iconográfico máis rico. En total doce imaxes, sobresaíndo a do apóstolo Santiago, situada na fronte por debaixo da de Xesucristo. Os estudosos da arte non concordan coa identificación de varias delas, en particular as dúas que hai no reverso a ambos os lados da Virxe.


Actualmente sitúase a súa labra na segunda metade do século XV, pero só a parte superior, xa que todo o demais é moi posterior, mesmo algunha peza do século XX.

Unha obra tan excelente e fráxil debería estar acolleita nun museo e no seu lugar colocar unha réplica, como xa pedían algúns eruditos composteláns na segunda metade do século XIX.

Porta do Camiño - Praza do 8 de Marzo