Cruceiro do adro da igrexa de Santa María
1 de 4

Cruceiro do adro da igrexa de Santa María

Cruceiro

     Achase localizado, nucleando un proxecto de F. Pons-Sorolla, na ampla praza que se dispón no costado sur desta singular empresa construtiva. Foi instalado neste lugar, como se refire nun dos epígrafes que figuran nas caras do seu basamento, en 1954:

AÑO SANTO JACOBEO (lado leste)

                                                VUELTO A SU LUGAR (lado norte)

                                                AÑO SANTO MARIANO (lado oeste)

                                                SANTA MISION MCMLIV (lado sur)

     Son desta derradeira data, ademais da plataforma con tres chanzos e o bloque  cúbico sobre o que se alza o monumento, o fuste, de sección prismática no arranque e no remate, coas arestas cortadas en chaflán, octogonal, pois, nese espazo intermedio  , e o capitel, cúbico tamén, decorado con motivos xacobeos (bordóns dispostos en aspa, dúas  cabazas e  unha cuncha de vieira), dúas áncoras cruzadas (invocación da importancia do mar na historia da Cidade), o emblema heráldico desta  e o dos Fonseca , pois un dos seus máis eximios membros, Alonso III, foi titular desta parroquia a finais do século XV. E antiga, polo contrario, a cruz, de tipo leñoso e filiación tardogótica, datable nesa mesma etapa  da centuria decimoquinta, ou moi pouco despois, a teor dos paralelos que para ela poden invocarse (sirva de referencia ao respecto, tan só, outra peza pontevedresa, o Cruceiro procedente de San Bartolomeu o Vello, hoxe localizado no exterior das Ruínas de San Domingos, unha obra que será analizada na seguinte entrega deste proxecto). A que agora me ocupa está minuciosamente decorada con motivos vexetais e xeométricos, dispoñéndose no anverso a figura de Cristo crucificado e no reverso a Virxe co Neno, ambas as dúas protexidas e realzadas por un coidado dosel. Completan o programa iconográfico, situándose na base da cruz, formando bloque con ela e localizadas sobre o saínte capitel, catro figuras, unha por cada lado. Só unha, Santiago Apóstolo, emprazado debaixo da Virxe, é claramente recoñecible pola súa vestimenta e os seus atributos. As outras tres, debido ó seu desgaste, son hoxe de moi difícil identificación.

     Non está clara a procedencia desta cruz, pertencente ás Coleccións do Museo de Pontevedra. A información gráfica e documental coñecida, que se pode relacionar con ela e o seu ámbito de referencia, induce a situar a súa orixe non na ponte que dá nome á cidade, como as máis das veces se fai, senón na área do Burgo, isto é, no núcleo habitado asentado no costado norte desa obra, de proxenie inicial romana, que permite salvar o río Lérez. Este ámbito era coñecido como “O Burgo pequeno”, en oposición ao “grande”, é dicir, á Boa Vila, Pontevedra, e experimentou un importante desenvolvemento durante a Baixa Idade Media e no arranque da Moderna como consecuencia da vitalidade e proxección das actividades mercantís da Vila á que complementaba.