Cruceiro do Campiño de Santa María
Cruceiro Está situado, froito tamén do proxecto de
intervención de F. Pons-Sorolla invocado no apartado precedente, datado en 1954,
nas inmediacións da porta setentrional desa mesma espectacular igrexa basilical
mariana. Alzase sobre un basamento de planta cadrada e remate circular,
mestura, pois, dun tronco de cono e un tronco de pirámide, asentado nunha
plataforma constituída por dous corpos de base cadrada superpostos, o de arriba
con remate saínte, tamén redondeado, arestado, polo contrario, o de abaixo. Exhibe o primeiro, moi
deteriorado, unha decoración, non habitual neste tipo de obras, na que alternan
caveiras (nas esquinas) e tibias (no centro). O fuste é de perfil octogonal.
Está complementado a media altura por unha figura masculina, asentada sobre
unha peaña, de imposible identificación hoxe polo impreciso, froito do
desgaste, dos seus atributos. O capitel, de tipo vexetal, con follas lisas,
exhibe no remate de tres das súas caras un querubín alado, mostrando a cuarta
un motivo xa visto: unha caveira. O feito de que este lado do capitel non estea
situado debaixo da figura de Cristo, onde conceptualmente debía acharse,
confírmanos que a obra foi desmontada nalgún momento da súa “vida” e que, ao ser reinstalada, non se entendeu o significado
último de todos os seus compoñentes, considerados illadamente, como simples
ornamentos, non como elementos portadores dunha mensaxe doutrinal unitaria en
clave salvífica que condicionaba ou, mellor, que esixía unha moi precisa localización
de cada unha das pezas integrantes do conxunto. O remate metálico do fuste
confirma esa nova localización.
A cruz, decorada con bolas, mostra no seu
anverso a Cristo crucificado, figurando no reverso unha representación da
Piedade (Quinta Angustia) apoiada nunha peaña decorada cun querubín con alas.
Este cruceiro, tanto pola información que
nos transmite J. Casal (1845-1912), custodiada no Museo de Pontevedra, como
polo que se infire doutras fontes, estivo situado, non sabemos con seguridade
nin desde cando (cabe supoñer que desde finais do século XVII, data adxudicable aos seus compoñentes máis antigos
e recoñecibles – a cruz do remate en particular-), nin tampouco canto tempo,
non lonxe do lugar que hoxe, aproximadamente, ocupa o Cruceiro que nesta colaboración analicei no apartado
que antecede a este. Aí, fronte ao Palacio arcebispal, coñecido como “As Torres
dos Churruchaos”, encontrábase aínda o 19 de setembro de 1849. Nese día, en
efecto, está datado un debuxo de J. Pérez Villaamil, propiedade do Estado e depositado
na actualidade no Museo de Pontevedra, no que o cruceiro que me ocupa figura no
primeiro plano.
Tres décadas máis tarde, nos anos
setenta da mesma centuria, a xulgar pola información chegada ata nós (unha fotografía
da que se conservan copias no Museo de Pontevedra e na Real Academia Galega),
un cruceiro estaba localizado, máis ou menos, nese mesmo lugar. Os seus
compoñentes, sen embargo, a teor do que se desprende da análise detida desa fonte,
só coinciden, en parte, cos que documenta o debuxo de Pérez Villaamil referido
(ese sería o caso da parte superior do basamento e, tal vez, do soporte
vertical, moi difícil de analizar debido á escasa nitidez da fotografía, non
así, polo contrario, a cruz, simple e sen decoración figurada, que dá cima ó
monumento). O cruceiro, en calquera caso, xa non se atopaba aí ca. 1900 vista a
información que sobre ese espazo nos transmite unha fotografía de F. Zagala,
datable nese momento, custodiada tamén no Arquivo gráfico da entidade
pontevedresa. Reaparecerá o conxunto, no esencial coas mesmas particularidades compositivas
que vemos hoxe e xa no Campiño, nun lugar próximo ao que ocupa na actualidade, se
ben un pouco máis afastado da igrexa, nunha fotografía de O. Wunderlich, conservada
nese mesmo Centro museístico, datada en
1929.
E a este cruceiro, malia que non se
mencione explicitamente, ao que se invoca, implicitamente, no epígrafe “vuelto
a su lugar” que exhibe a cara oeste do basamento do cruceiro situado na Praza localizada
no costado oposto da mesma igrexa. Non é, en efecto, a obra “histórica” a que ai
se relocaliza, pero a instalación nese lugar
dun monumento semellante ao que nel permaneceu durante séculos ven ser, en definitiva, unha “vuelta a su
lugar”.