Cruceiro da Praza das Cinco Rúas
3 de 4

Cruceiro da Praza das Cinco Rúas

Cruceiro

          Áchase asentado nun dos espazos máis recoñecidos do Centro histórico da Cidade: unha praza na que, como o seu nome proclama, conflúen cinco rúas, se ben, en realidade, son catro, pois dous deses viais converxentes ou diverxentes, segundo se considere, son, en realidade, parte dunha mesma rúa, a denominada Isabel II, que une a Rúa Real co ámbito no que se acha a cabeceira da igrexa de Santa María.

     O cruceiro, disposto sobre unha plataforma localizada no costado oeste da Praza, non foi concibido para o espazo que ocupa. Instalouse aquí segundo un proxecto, redactado en 1962, de F. Pons-Sorolla. A proposta contemplaba tamén unha intervención nas casas que o rodean para dotar de unidade a todo o conxunto ” en las vésperas del próximo Año Santo Jacobeo” (refírese ao de 1965).  Procede o monumento que nos ocupa do lugar de Estribela, na parroquia, así mesmo pontevedresa, de Lourizán, fronteiriza co veciño Concello de Marín. Alí, no seu anterior e orixinario emprazamento, observouno, debuxouno e estudouno Castelao.

     Álzase o cruceiro sobre un basamento moderno composto por tres plataformas, de superficie decrecente, de planta poligonal. Contribúe este aditamento, unido ó basamento prismático sobre o que se localiza, a potenciar, a reforzar a verticalidade da obra, conferíndolle unha esvelteza pouco habitual nesta clase de monumentos.

     O cruceiro propiamente dito levántase sobre un basamento, de planta rectangular, composto por varios corpos superpostos conformados por molduras de perfil recto, cóncavo ou convexo, lisas unhas, con epígrafe outras. Nunha, a terceira contando desde a base,de perfil convexo, dispúxose na súa orixe, na  cara hoxe posterior, unha inscrición na que actualmente  é posible ler, malia que sexa con dificultade, Domínguez, apelido ben do promotor  do monumento, ben, opción menos probable, do seu executor, e, na cara anterior, neste caso na fronte da peza de perfil recto situada debaixo da anterior,  1778, ano, sen dúbida, da súa execución. Non é posible ler, polo contrario, o texto que figura no corpo situado enriba do precedente, é dicir, no mesmo nivel do basamento no que se acha o apelido antes referido.

     O fuste, de perfil cadrado na parte inferior e octogonal na superior, imponse tamén pola súa marcada verticalidade. Na parcela baixa da súa cara principal áchanse Adán e Eva, esta representada no momento de recoller a mazá da árbore que a acompaña. Xunto a Eva, pudicamente representada – tapa o seu sexo cunha folla de vide--, sitúase, á súa esquerda e na cara lateral do fuste, un animal demoníaco, semellante a un  lagarto, é, á dereita, Adán, tamén espido e, coma ela, ocultando o seu sexo cunha folla de parra. Sobre a “primeira parella” e a mazaira localízase unha peaña que sirve de soporte a unha representación de Santo Antonio co Neno Xesús.

     No lateral do fuste próximo a Adán represéntase, na parte inferior, o Purgatorio, materializado por medio de dúas figuras espidas, axeonlladas, coas mans en actitude de oración e entre chamas, dispostas enriba dunha peaña asentada sobre unha caveira. Ocupan a parcela superior desta cara do pilar parte dos símbolos da Paixón (escaleiras, lanza, esponxa),emprazándose outros (corazón, cravos – 3-) na fronte oposta do soporte, sobre a representación do Demo. Independente deste conxunto, na mesma cara do pilar, se ben máis arriba, figura, asentada sobre unha vistosa peaña, unha representación de Santo André.

     A cara posterior do corpo/fuste do pilar estrutúrase, en alzado, en dúas parcelas diversas en altura e conformación. Ocupa a inferior – dous terzos do total- unha inscrición que, de arriba abaixo, di:

    “DEVOTOS A / MIGOS ES/ TAMOS AR/ DIENDO EN / TRE LLAMAS / VIBAS DE PE /NOSO BVEGO (?) / CON BUES/TRA LIMOS/NA SE ALI/VIA EL TOR/MENTO”.

     No ámbito superior, obtido o seu relevo por medio dunha talla en reserva tan precisa como escasa de finura, áchanse tres dos instrumentos cos que se materializou a Paixón de Cristo: un martelo, unhas teazas e un látego (?).

     Culmina, dá cima ó fuste, un airoso capitel de tipo composto. Emprázase sobre el unha cruz que mostra, no anverso, unha representación do Abrazo místico de San Francisco a Cristo crucificado e, no reverso, á Virxe do Socorro coroada por dous anxos cuxos corpos se dispoñen paralelamente ós brazos horizontais da cruz. O deterioro sufrido polo monumento no transcurso da súa “vida” explica a falta de relación, hoxe, entre a Virxe e o Demo situado ós seu pés. Na súa conformación orixinal, tal como acontece nos cruceiros que ofrecen esta mesma iconografía, a Virxe exhibiría un garrote ou un instrumento similar co que golpearía ó Demo.