Aduana do porto
1 de 13

Aduana do porto

Edificio singular

Pola baía da Habana chegaban diariamente os barcos procedentes de Europa, cheos de pasaxeiros e esperanzas, soños e maletas: os portos da Coruña ou de Vigo eran últimos puntos do continente, cara ao Novo Mundo. O faro do Morro de San Carlos de la Cabaña –irmán da Torre de Hércules–, enxerga pola bocana os inmigrantes amoreados nas cubertas, a maioría deles debutando como viaxeiros de ultramar, outros que van e veñen por tempadas, mentres na costa miles de brazos, ollos e voces buscan ansiosamente os seus familiares, amigos e paisanos. O porto é un festival de emocións.

Parados aquí, albiscamos da outra beira os populosos barrios de Casablanca e Regla e cos restos de Peixiño, o famoso barrio de pescadores galegos, case todos da bisbarra de Ares e Ferrol: aínda parecen verse os ronseis dos viveros que veñen da marea cheirando a frescura.

Os que ninguén reclame, deberán pasar corentena en Triscornia, un campamento para emigrantes en vigor entre 1900 e 1959 que, por desgraza, pasou á historia como lugar de extorsión, sufrimento e todo tipo de denigracións contra os inmigrantes máis desfavorecidos, especialmente as mulleres. Fóra dos controis aduaneiros, analfabetos, enfermos, sen papeis nin coñecemento da lingua, ficaron á mercé das mafias de extorsión e prostitución. Algúns fuxiron e non se atrevendo a achegarse á cidade, integráronse doutro lado da baía, xunta os mariñeiros galegos, xentes bravas e honradas que axudaron a crear a flota pesqueira do Golfo de México, porque no mar non hai liñas nin fronteiras, viviron ao seu xeito, construíron novas dornas e seguiron pescando como sempre fixeran. O seu herdo ficou nas palabras: curricán, achantado, a rente...