Cabaleiro de París
Espazo biográfico
A aduana ábrese á Praza de San Francisco: alí, á porta do convento-fortaleza, mergullado entre a multitude, pasea o Cabaleiro de París, -obra do escultor cubano José Villa Soberón- popular personaxe que durante décadas percorreu as rúas habaneiras. Hoxe a figura é admirada por centos de turistas, que lle agarran o dedo e acariñan a barba para que lles conceda un desexo, unha moderna e turística tradición que está a enraizar entre o público que pasea por aquí.
Moitos habaneiros aínda lembran con cariño o “pobre do tolo” que paseaba de capa e melena, regalando amabilidade, flores e poesías, sen pedir cartos nin molestar a ninguén. Pero poucos saben que o seu verdadeiro nome era José María López Lledín, nado en 1899 no lugar de Vilaseca, parroquia de Negueira de Muñiz, comarca da Fonsagrada, provincia de Lugo, e emigrado á Habana de rapaz xunta a súa familia. Sábese que traballou nunha floraría, xastraría, libraría e até nun despacho de avogados; estudou un algo e mellorou a camareiro en notados hoteis. Seica perdeu a cabeza en 1920 cando o arrestaron e confinaron na prisión do Castelo do Príncipe por un delito que non cometera; e aquí, a historia diversifícase e convértese nunha lenda.
Unha vez liberado, deu en chamarse Caballero de París e comezou a vagar polas rúas da cidade. Con máis de 70 anos, ingresárono no Hospital Psiquiátrico da Habana, onde morreu o 11 de xullo de 1985. O historiador da cidade, Eusebio Leal, trasladou os seus restos ao convento de San Francisco de Asís, canda outros ilustres da Habana. Para os galegos é un estraño absoluto, para os habaneiros é o ilustrado Caballero de París, a quen lle teñen dedicado cancións, documentais, pinturas ou esculturas.