A placa de Rosalía de Castro
Espazo Literario
Na fachada do restaurante Jardín de Oriente atopamos unha placa que fai mención á presenza doutro símbolo da cultura galega moi arraigado en Cuba, a escritora Rosalía de Castro. Foi colocada durante a visita do presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, quen visitou Cuba en 2007 para conmemorar o centenario do himno galego, interpretado por primeira vez no Gran Teatro da Habana o 27 de decembro de 1907, co gallo de inaugurar as obras anexas do futuro Palacio do Centro Galego. Para esa gala, tamén se estreou a nova bandeira galega, adoptada axiña polos galegos e convertida en enxeña oficial de Galicia consonte o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1979. Para a celebración do centenario, preparouse outra gala no mesmo teatro e simultaneamente en varias cidades da diáspora galega.
A relación de Rosalía de Castro coa Habana foi moi intensa, malia non a ter visitado nunca: así, a editorial Propaganda literaria publicou o segundo libro de poesía en galego Follas novas, aquí rendéronlle a primeira homenaxe póstuma do mundo, fixérona membro de honra do Centro Galego, concedéronlle unha pensión ao seu viúvo Manuel Murguía e despois á súa filla Gala. Non é de estrañar que esa placa leve o seu rostro e as súas verbas:
adios ríos, adiós fontes/adiós regatos pequenos/adiós vista dos meus ollos/non sei cando nos veremos.