Edificio Casteleiro e Vizoso
Edificio singular
En Lamparilla 4, lemos en pedra S. Casteleiro e Vizoso; foi a sede da ferraxaría meirande de Cuba, que contribuíu ao desenvolvemento da nova nación; os seus donos: dous galegos: Segundo Casteleiro, de Caamouco (Ares) e Gaspar Vizoso, de Franza (Mugardos), nas Mariñas da Coruña.
Comecemos polo principio. Leonardo Buñuel (pai de Luís Buñuel) regresou a Cuba en 1900 para mirar pola súa ferraxaría que deixara en encomenda aos seus empregados Segundo e Gaspar. Fixeran tan bo traballo que fundou con eles a Compañía Casteleiro e Vizoso, S. en C., importadora de ferraxes, maquinaria, instrumentos agrícolas e efectos navais.
Segundo chegara a Cuba aos 16 anos, con estudos de bacharelato, ao coidado do seu irmán maior, residente na illa. Entrou á ferraxaría en 1882 como axudante de contabilidade; alí traballa desde 1888 o mugardés Gaspar, empregado do almacén. Ata o final dos seus días foron compañeiros, amigos, socios e mesmo cuñados, ao casaren con cadansúas irmás cubanas.
O negocio prosperou tan axiña que en 1906 inauguraron fronte ao vello local o elegante e moderno edificio de tres plantas para oficinas, almacén e ata cociña, comedor e dormitorios dos empregados, maiormente do seu entorno familiar e xeográfico. Todos comezaban como axudantes de tenda e ían promovendo por valía, segundo unha adiantada filosofía de coidado e formación; mesmo tiñan persoal especializado en cada país co que facían negocios. Nos anos vinte, no medio do crack mundial, construíron na antiga ferraxaría un enorme e moderno edificio de oficinas, como homenaxe silenciosa aos nosos humildes comezos, unha transfiguración perpetua do lugar de partida (A Tenencia, 2007).
Casteleiro e Vizoso promoveron ademais empresas doutros galegos en Cuba e Galicia, construíron escolas en chan galego e deixaron un grande legado de pegadas indelebles nas súas dúas terras. Aínda queda moito por escribir sobre esta familia.