Hotel Ambos Mundos
6 de 13

Hotel Ambos Mundos

Edificio singular

Na esquina de Obispo e Mercaderes saúdanos o evocador: Hotel Ambos Mundos, coñecido como o hotel de Ernest Hemingway, pero que, en realidade, pertencía a Manuel Ásper e Hortensia López, casal galego de Chantada, Lugo, membros de familias con longa tradición de emigración, asentados en Cuba en 1900, onde xa vivían irmáns de ambos, dedicados á hostalaría.

O harmonioso hotel, moderno e funcional, foi inaugurado o 31 de decembro de 1924; contaba con dúas plantas de cuartos con baño e rodeadas de corredores; axiña engadiron dúas plantas máis, en 1931 o restaurante no quinto andar e no tellado a terraza axardinada coas dependencias da familia. Na planta baixa ficou o café. En realidade, xa existía un café-restaurante do mesmo nome na rúa, de Antonio López, tío de Manuel, frecuentado pola mocidade intelectual e artística, especialmente a do Grupo Minorista.

En 1932, o xa coñecido escritor Ernest Hemingway aloxouse no hotel, cuarto 511, polo seu prezo razoable, limpeza, servizo e, sobre todo, situación privilexiada. Sempre escolleu o mesmo cuarto, porque desde aí vía ao norte, sobre a antiga catedral, a entrada do porto e o mar, e ao leste ata a península de Casablanca. En 1939, mudouse a El Vigía, pero mantivo o seu cuarto e o hotel como a súa oficina. Conta o xornalista Pablo López, descendente de Asper, que o expediente desclasificado do FBI sobre o escritor dá cumprida conta desta estreita amizade e fidelidade entre escritor e hostaleiro, quen ate lle prestou cartos para enviar camións de transporte á súa vila.

Despois da revolución, o hotel nacionalizouse e os Asper abandonaron o país. Converteuse en casa de protocolo e vivenda para funcionarios do Ministerio de Educación. Desde 1997, tras unha capital reparación, recuperou o seu uso como hotel estatal; tamén recuperou a pegada de Hemingway, falta agora implantar a do galego Asper.