Libraría A Moderna Poesía
9 de 13

Libraría A Moderna Poesía

Edificio singular

Onde Obispo desemboca na praza de Albear, encontramos a libraría e editorial máis grande de Cuba: La Moderna Poesía, un formidable edificio Art Déco, emblema do imperio de José López Rodríguez, natural da aldea de Maside (Ourense), coñecido como Pote.

O edificio actual data de 1942, contratado polo seu fillo, José López Serrano, herdeiro do imperio familiar, e deseñado polo arquitecto Ricardo Mira (construtor na década de 1920 do edificio López-Serrano) segundo os canons Art Déco máis audaces e modernos do seu tempo, é o resultado final de varias reconstrucións desde a creación da libraría en 1890.

José López arribou a Cuba en 1880 con 18 anos só, pobre e analfabeto. Din que comezou vendendo libros antigos nunha carretilla, comendo caldo nunha pousada barata, de onde viría o seu alcume de “Pote” que nunca abandonou; por fin, entrou a traballar na libraría La Poesía de Don José Merino e á morte deste, en 1890, casou coa súa viúva e herdeira Ana Luisa Serrano. Ese mesmo ano crea La Moderna Poesía e trasládase á esquina de Obispo e Bernaza.

A prosperidade de Pote corría parella co chamado baile dos millón. Para 1912 xa inaugurara a primeira Fábrica de Timbre de Cuba, monopolizando a impresión de documentos e estampas oficiais; controlaba o Banco Nacional e asesoraba outros, incluído o poderoso Banco do Centro Galego; mantiña 121 sucursais da librería por todo o país e un capital de 194 millóns de dólares; os xornais afirmaban que entraba no Palacio Presidencial en mangas de camisa. Con tantas propiedades e tanto poder, era practicamente o dono da Illa.

Malia tanto negocio, nunca esqueceu a vila de Maside onde nacera, e sábese que reclamaba veciños seus para traballaren nas súas numerosas empresas.

Pouco na vida de Pote salva da especulación e o escándalo: atopárono morto o 28 de marzo de 1921, tras o crack financeiro de 1920, guindado dunha saba atada á varanda das escaleiras da súa casa; o xuíz ditou suicidio, pero a noticia conmocionou os habaneiros e desatou as máis diversas teorías conspiradoras. Ao rematar a crise, sóubose que nin chegara a arruinarse.