Teatro Martí
11 de 13

Teatro Martí

Edificio singular

Tomamos a rúa Dragones, rumbo ao histórico Teatro José Martí, inaugurado o 8 de xuño de 1884 polo construtor vasco Ricardo Irijoa, con capacidade para 2.500 espectadores en 3 plantas e versátil escenario. Ten a honra de ter presenciado a redacción da primeira Carta Magna de Cuba; mágoa ter sido destruído por unha bomba en 1898. Cando reabriu rebautizárono co nome de Martí, que mantén ata hoxe. En 1977, o seu estado de deterioración obrigou a pechalo; tras a reconstrución capital, dirixida pola Oficina do Historiador da Cidade, coidando de manter e recuperar os deseños orixinais, o que lle valeu tamén o Premio Nacional de Restauración. Reabriuse o 24 de febreiro de 2014.

Este teatro destacou sempre polos temas nacionais, especialmente o teatro bufo cubano, onde a figura do galego gañou grande popularidade xunto co negriño e a mulata, como referencias da xénese da nacionalidade cubana. Ese galego estereotipado, inmigrante, ignorante, pero inxenuo, permanece no imaxinario cubano actual. De feito, é ben notoria a contribución dos galegos á nómina de artistas que compoñen o rico acervo cultural cubano.

O ferrolán Bartolomé Crespo Borbón -Creto Gangá-, creador do personaxe do negro bozal, precursor do teatro vernáculo. Cástor Vispo, da Coruña, autor de series radiofónicas emblemáticas, como As aventuras de Chan Li Po ou o detective ortigueirés Rudy Rod; o seu maior logro, en 1941, foi La Tremenda Corte, serie con innumerables réplicas en teatro, radio e televisión cubana, e mesmo en varios países de fala hispana. Dentro do seu elenco destacou Adolfo Otero, coñecido como “El Gallego”, fillo de inmigrante galego e nai cubana, formado no Centro Galego, figura moi querida e respectada até morrer subitamente en 1958. Aurora Pita, nacida en Perlío, traída no colo da súa nai en 1936, comezada a guerra civil española que chegou a ser unha grande señora dos escenarios cubanos e que faleceu en maio de 2021.