Plantel Concepción Arenal
Edificio singular
O vello almacén de carruaxes, na intersección da rúa Dragones co Paseo do Prado, foi arrendado por un grupo de galegos para inaugurar, o 11 de xaneiro de 1880, cunha gran festa, a primeira sede do Centro Galego da Habana. Mercárona en 1888. A iniciativa para a fundación dun Ateneo Galego xurdira do estradense Waldo Álvarez Insua, director do primeiro xornal en lingua galega fóra da terra, El Eco de Galicia.
Tiña a Sección de Instrución, para educar os membros e as súas familias, de calquera nacionalidade; un dato curioso, permitiu o acceso das mulleres desde 1894. Impartían contas, cálculo, economía, inglés e acceso á Universidade. A Sección de Recreo e Adorno atendía comedor, sala de xogos e biblioteca, e organizaba bailes e veladas culturais. Xunta delas, a Sección de Declamación, para o ensino musical, e a Sección Lírica.
Sen dúbida, o mestre José Castro Chané (o mestriño) é a figura de maior relevancia nesta primeira etapa. Nado en Santiago de Compostela en 1856, chegou á Habana en 1893, aos 37 anos, para dirixir o coro Ecos de Galicia do Centro Galego. Foi profesor, compositor, director coral; dignificou internacionalmente a música galega e unificou o movemento coral galego de Cuba. Aquí morreu o 27 de xaneiro de 1917, sendo trasladados os seus restos mortais á Coruña.
A independencia de Cuba marcou un punto de inflexión; pero o Centro Galego foi a primeira Sociedade que izou a bandeira cubana no edificio social e celebrou un suntuoso baile o 20 de maio de 1902, data do primeiro goberno da República de Cuba, en homenaxe ao seu presidente, D. Tomás Estrada Palma.
En 1906, ao mercar os novos predios, a sede converteuse no Plantel Concepción Arenal. Ampliou o seu programa educativo, aplicando unha metodoloxía moderna e de calidade. Despois da Revolución de 1959, foi intervido polo Estado e ata hoxe fai parte do sistema educativo público como escola primaria Plantel Concepción Arenal.