Diario de la Marina
13 de 13

Diario de la Marina

Edificio singular

É considerado o decano dos xornais cubanos, en circulación diaria, desde 1844, e durante máis de 120 anos, até 1960; dos máis influentes da historia de Cuba, de tendencia profundamente conservadora e defensor dos intereses dos terratenentes crioulos. O seu fundador e primeiro director foi o mozo galego Isidoro Araujo de Lira, de 28 anos.

Lira naceu o 2 de xaneiro de 1816 no antigo concello de Bouzas, hoxe barrio de Vigo, (Pontevedra). Estudou en Tui e no Seminario de Samos, pero abandonou antes de se ordenar; exerceu cargos de funcionario, ata ser destituído en 1839, polo que decidiu establecerse en Cuba. Axiña destacou como audaz xornalista, gañando reputación de controvertido e crítico, co pseudónimo Lira. Por máis de vinte anos publicou centos de artigos, crónicas e folletos que aínda se conservan. Por causa dunha carta aparecida noutro xornal, viuse involucrado nun duelo á morte que resoou en toda a cidade. Ao día seguinte, 6 de marzo de 1861 e despois dunha tremenda agonía, morreu rodeado da familia.

O xornal chegou a contar con máis de 30 páxinas e varias seccións fixas, onde escribían os máis sobranceiros xornalistas da historia e da intelectualidade, tanto cubana como galega. Entre estes últimos destacan Manuel Curros Enríquez, Virginia Auber, Mercedes Vieito, Xosé Fontenla, Xan da Baña, Waldo Álvarez Ínsua, Ángel Lázaro, Eduardo Núñez Sarmiento, Lino Novás Calvo.

Un feito pouco coñecido aconteceu con Curros, quen traballou por anos no Diario de la Marina e ao morrer, foi velado na sé do xornal. Outra figura salientable, Antón Vilar Ponte, pai do galeguismo, foi director do Diario Español da Habana e regresou a Galicia en 1910 como correspondente do Diario de la Marina. Na década de 1920 o seu suplemento literario converteuse no voceiro das vangardas artísticas cubanas e promoveu os escritores nacionais e estranxeiros máis destacados da época.