Palacio do Centro Galego da Habana
Edificio singular
Chegamos ao final desta andaina, estamos perante o antigo Palacio do Centro Galego da Habana, hoxe Gran Teatro ¨Alicia Alonso¨, sede do Ballet Nacional, aínda que seguen radicando a Sociedade de Beneficencia Naturales de Galicia e algunhas dependencias da Federación de Sociedades Galegas de Cuba.
O primeiro Centro Galego da esquina de Dragones e Prado, axiña foi insuficiente, polo que en 1906, comprouse o predio entre as rúas Consulado, San José, Boulevard de San Rafael e Paseo de Martí (Prado) incluído o edificio do Teatro Tacón e lanzouse un concurso para a construción da nova sede social. Ao quedar baleiro, foron seleccionados o arquitecto belga Paul Belau e a empresa Purdy & Henderson, que demorou entre 1907 e 1915.
Este colosal complexo arquitectónico de catro niveis, bebe do máis puro estilo ecléctico, con notables influenzas do Renacemento e do Barroco, directamente inspirado na catedral de Santiago de Compostela. Foi concibido coa elegancia visual de todos os seus elementos construtivos: balcóns, fiestras, cornixas, torres e molduras. Na fachada principal destaca un conxunto escultórico de alegorías en mármore branco de Guiseppe Moretti, que representa a Beneficencia, a Educación, a Música e a Declamación, razóns fundacionais do Centro Galego.
O complexo incluía o teatro Tacón, o Banco de Galicia, as oficinas do Centro Galego, as dependencias da Beneficencia, o despacho do Presidente, as taquillas das outras sociedades, a hemeroteca máis grande de Cuba, unha cantina con sala de billar e de tresillo, unha sala de lectura e na planta superior, un inmenso salón de reunións e baile, incluído o palco de música para unha orquestra de ata 8 músicos.
Foi expropiado en 1960. Nos anos oitenta pasou a chamarse Teatro Lorca, sufriu unha completa reparación de 2013 a 2015, reabrindo as súas portas en xaneiro de 2016 para conmemorar o centenario da súa creación. e desde 2015 o conxunto completo como Gran Teatro da Habana ¨Alicia Alonso¨ en homenaxe á Prima Ballerina Absoluta, directora do Ballet Nacional de Cuba.