Peirao Arsenal
1 de 14

Peirao Arsenal

Espazo biográfico

Castelao chega a Cuba con Virxinia e o profesor Luís Soto o 11 de novembro de 1938. Embarcaran dous días antes en Nova York nun pequeno avión de seis prazas rumbo a Miami, mentres os debuxos para a exposición foran enviados en barco xa enmarcados. Ao día seguinte, ben cedo, toman o hidroavión da Pan-Am e dúas horas despois, ás 10.20 da mañá, chega ao peirao do Arsenal do porto da Habana “o grande debuxante español”, segundo titulan os xornais do día.


Al llegar a La Habana saludo a todos los demócratas cubanos y a mis compatriotas. (Castelao, Hoy, 11-11-1938)


Alí atopan “un delirante recibimento (que) lles dispensou o pobo de Cuba”, xunta os notorios representantes de institucións como a Embaixada e Consulado de España, asociacións pro-republicanas, sociedades galegas e, por suposto, a súa anfitrioa, a Casa da Cultura e Asistencia Social. Notoria foi a ausencia dos representantes do Centro Galego, que lle negaron mesmo a entrada oficial nos locais do centro.


O “Muelle do Arsenal” foi edificado en 1724, extra muros, como estaleiro da Real Frota da Armada Española. Conforme melloraba a actividade mercantil en detrimento da militar, sumáronse máis espigóns. Tras a independencia de Cuba, neses terreos constrúese a nova e moderna Terminal Nacional de Ferrocarrís, e mantense a parte dos embarcadoiros para recepción de correos e mercadorías internacionais, onde axiña comezan a operar compañías de correo aéreo con hidroavións. Así nace, en 1927, a Pan American, grazas a un contrato gobernamental cos Estados Unidos para realizar a entrega de correspondencia entre Cayo Hueso, Florida e A Habana. Un ano despois, en plena lei seca, inclúe voos de pasaxeiros xunta coa empresa Bacardí, nunha famosa campaña de propaganda que incitaba a visitar a paradisíaca illa de ron e sol. Desde entón será coñecido o Arsenal como “Pan-Am dock”.


En 1961, nos albores da Revolución cubana, o barco belga La Coubre, amarrado nese peirao, descargaba armas para o Goberno cando sufriu unha sabotaxe. Por mor das dúas explosións morreron 70 persoas e máis de 200 sufriron feridas, entre elas máis de 20 traballadores da Pan-Am. A CIA nunca aceptou a autoría do atentado malia as continuas denuncias do Goberno cubano. Desde entón, tanto o peirao coma a terminal de trens levan o nome de LA COUBRE, en conmemoración deste feito, e as instalacións convertéronse nun museo da memoria.