Xornal Hoy
Espazo biográficoO 16 de maio de 1938 apareceu na Habana o
xornal “Noticias de Hoy”, co subtítulo de “Un diario ao servizo do pobo”.
Constituía o órgano oficial do Partido Socialista Popular (PSP) de Cuba para a
defensa dos intereses populares e denuncia dos males internacionais, como a
expansión nazifascista ou a Guerra Civil española. Tiña dez páxinas, dúas edición diarias e un prezo de dous centavos.
Mantiña unha sección fixa, “Sociedades Españolas” e, aínda sendo netamente
cubano, sobresaen os galegos Xerardo Álvarez Gallego como redactor e o coñecido escritor Carlos Montenegro como
xefe de redacción. Radicada no barrio da Habana Vieja, en Compostela e
Luz, con despacho en Compostela e Teniente Rey.
Foi clausurado en xullo de 1953, por mandato de Fulgencio Batista, quen
destruíu os talleres e requisou o local. Tras o triunfo revolucionario, reapareceu
o 6 de xaneiro de 1959 pero, ao constituírse o Partido Comunista de Cuba en
1965, fusionouse con Revolución e converteuse
no Granma, órgano oficial, único
xornal de ámbito nacional en Cuba até a actualidade.
É neste
xornal, máis coñecido como Hoy, onde
podemos seguir con profusión de detalle a viaxe toda de Castelao e Soto, non só
na Habana, senón polo país enteiro, a través de titulares, fotografías de
mitins, retratos, crónicas ou artigos de opinión. Desta presenza, a máis
relevante é sen dúbida a intensa campaña propagandística co gallo das eleccións
ao Centro Galego, a prol do partido Hermandad Gallega.
Vea en esta página española la
magnífica caricatura con la que el gran dibujante gallego Alfonso Castelao
inicia su colaboración en nuestro periódico. (Hoy, 21-12-1938)
Entre o 21 e o
31 de decembro, o xornal publica unha caricatura nova de Castelao, cun pé de
páxina, como era costume nel, alusivo ás eleccións do Centro Galego e pedindo
abertamente o voto para a candidatura 7 de Hermandad Gallega. Salientamos a
última, onde unha imaxe de Curros, en actitude oratoria, recita:
Dises con alma de can/ que
coidan na súa intolerancia/ que se merca unha conciencia/ con catro códias de
pan.
Dises pra quen fun “mambí”/
cando era máis español/ y enchen cos “mambís” o fol/ ida xa España deiquí.
Dises que medrando vin/ dos
abusos do poder/ e a xornal quiseron ter/ un cómprice mudo en min. (Castelao, Hoy, 31-12-38)
A serie remata
o domingo, 1 de xaneiro, día das eleccións que permitiron a Hermandad Gallega entrar
na directiva, cunha alegórica muller que voa sobre o Palacio do Centro Galego
co puño en alto.