Teatro Payret (Hermandad Gallega)
Espazo biográficoNunha das esquinas máis transitadas da moderna Habana, entre o Parque Central e o Paseo Martí (ou Paseo del Prado), atopamos o cine teatro Payret, edificado polo emigrante catalán Joaquín Payret, quen nos tempos da colonia se fixera axiña millonario, con luxosos hoteis, concorridos cafés e substanciosas carnizarías. Obsesionado por converterse en empresario de espectáculos, vendeuno todo para construír o teatro máis moderno de América: cunha armadura de ferro para evitar incendios traída de Bélxica, o primeiro sistema de ventilación regulada en sala ou a entrada de esquina en chafrán. Inaugurado en 1877, por el pasaron famosos cantantes de ópera e bailarinas como Sarah Bernhardt e Anna Pavlova; xa no século XX, operaron o circo Santos y Artigas e a compañía do Teatro Alhambra; houbo zarzuelas españolas e operetas cubanas; conferencistas, oradores, poetas...
Pero a mala sorte acompañouno desde o principio: arrasado por incendios, temporais, inundacións, derrubamentos, até que en 1884, arruinado o catalán, o Estado lle incautou os terreos e llos revendeu á familia Saaverio, que o explotou até 1935, cando llo arrendou ao tamén emigrante galego José Varcárcel, para transformalo en cine e elevalo a “Catedral do Cine Español”. Novamente, en 1948 foi vendido, derrubado e reconstruído coa arquitectura actual, pero mantívose como un dos máis reputados cines da cidade, mesmo despois de ser intervido polo Goberno revolucionario en 1961.
El teatro
Payret exhibía entonces películas españolas pero unos años más tarde lo
reformaron, destruyendo de paso su interior con palcos y el foso de la
orquesta, construido en tiempos de la colonia, para convertirlo en un cine de
estreno moderno de importancia. (Cabrera
Infante, Pavana para una Infanta difunta)
Na actualidade está en proceso de renovación e
transformación en hotel de luxo.
En 1938, nos altos da Barra do Teatro Payret,
entrando desde o lateral que dá ao Parque Central e da outra beira do Palacio
do Centro Galego, situábanse as oficinas de Hermandad Gallega, partido de
esquerdas e pro-republicano, creado para enfrontarse nas eleccións do Centro
Galego, en decembro, ao seu presidente, Cayetano García Lago, de influencia
conservadora e abertamente falanxista. Defínense como un “símbolo de paz, respecto
e dignidade”.
Tiene como principio la liberación total de la masa social e izar la bandera de la República Española, (...) una ejecutoria de decencia de respeto. (Pueblo, 5-12-1938)
O seu presidente era Xerardo Álvarez Gallego, avogado e xornalista, membro do Partido Galeguista, amigo de Castelao e cuñado de Alexandre Bóveda, que dera fuxido ao comezo da Guerra Civil española e exiliouse na Habana, onde permanece até o principio da Revolución. El artella a viaxe de Castelao e vincúlao á campaña electoral para recuperar o Centro Galego. Estas oficinas serviron de base da intensa campaña e dos numerosos encontros de Castelao coa comunidade galega.
En 1939, logo
da partida de Castelao de Cuba, comezou a publicarse o xornal Loita (1939-1940), órgano oficial de
Hermandad Gallega, que mantivo viva a súa presenza a través das caricaturas e
estampas, autorretratos e colaboracións. Desde a súa sede de Prado nº 553 e
cunha periodicidade mensual, o seu director, José Vilariño Roca, e mais o
administrador, o escritor Carlos Montenegro, ambos os dous galegos, souberon
manter vivo o diálogo entre Castelao e a colectividade galega en Cuba.